Vostede está aquí

Pola protección da Costa de Oza

Dende  a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros nos dirixímonos á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia manifestando que hai tempo a veciñanza do barrio dos Castros vén padecendo unha contaminación ambiental que repercute moi negativamente na súa calidade de vida, unha elevada concentración de partículas no aire e outros problemas ambientais que están a provocar molestias e problemas de saúde.

Dende o noso colectivo veciñal levamos 30 anos loitando por unha boa saúde ambiental e por dispor dunha boa calidade de vida no noso barrio.

É evidente que a concienciación sobre o medio ambiente vai en aumento e que as administracións deberían actuar cada día para mellorar a súa política de loita contra a contaminación.

Hai uns meses iniciamos contactos coa Autoridade Portuaria e co Concello da Coruña a respecto dunhas actividades industriais que están a ocasionar unha fonda preocupación na veciñanza: o desguace de barcos.

Vemos como se están a despezar barcos dende hai uns dez anos e que se está a facer dun xeito moi precario e sen manter as precaucións obrigatorias para este tipo de actividades. Actualmente estanse a baleirar barcos no propio peirao pesqueiro de Oza, co barco na auga, nunhas condicións lamentables e, dende o noso punto de vista, con graves incumprimentos lexislativos.

Ao noso entender estase a incumprir totalmente e de forma descarada a lexislación autonómica, europea e internacional ao respecto, tanto na actividade de desguace que se fai co propio barco na auga como nas que se están a facer nos carros de varada, sen barreiras anticontaminación e sen separar e almacenar de xeito correcto todos os residuos perigosos que xeran estas actividades.

A Autoridade Portuaria e o Concello da Coruña derivan calquera responsabilidade na administración autonómica, témonos comunicado por escrito con eles e non asumen responsabilidade algunha. Así pois dirixímonos á Consellería de Medio Ambiente para que se nos dea resposta ás seguintes cuestións:

  • Se existe control ambiental sobre as actividades que se están a realizar nos terreos da Autoridade Portuaria, concretamente na zona de Oza.
  • Se os carros de varada existentes na zona son axeitados para facer desguaces e se está permitido facelos no propio peirao, co barco na auga, tal e como acontece agora.
  • Se dispoñen de licenza para realizar este tipo de actividades.
  • Se se fixo declaración de impacto ambiental para a realización de desguaces.
  • Se dispoñen de licenza como xestores de residuos perigosos e de que xeito son tratados estes, como se xestionan e transportan os residuos, quen fai o control sobre os residuos xerados e sobre o seu almacenamento.
  • Se existe memoria das actividades xeradoras de residuos.