Vostede está aquí

Plano de mobilidade

Ante as queixas dos veciños e veciñas polo lamentable servizo de transporte público do que dispoñemos

Ante as queixas dos veciños e veciñas polo lamentable servizo de transporte público do que dispoñemos, especialmente no que atinxe ao noso barrio, instamos ao Concello a melloralo esixíndolle á compañía de tranvías prestar un servizo como é debido.

Cómpre aumentar as frecuencias e as liñas pois é inexplicable que non haxa conexións con puntos como os polígonos industriais. Hai zonas da Rolda de Outeiro e da rúa da Merce sen transporte publico, tamén instamos ao concello que faga un plan de accesibilidade e modificación do sentido de circulación nalgunhas das rúas do barrio, nomeadamente a rúa da Mercé que debería ser unha vía de sentido único con entrada pola Rolda de Outeiro e saída na avenida dos Caidos.

Dende a Asociación veciñal apostamos polo transporte público e consideramos que o fomento do uso do transporte público debera ser unha prioridade por parte das administracións. O transporte colectivo reduce a contaminación das cidades, desconxestiona o tráfico aforrando tempo nos desprazamentos e consume moito menos enerxía.

O uso do autobús, metro lixeiro e outros medios colectivos de transporte, reporta beneficiosos para a cidadanía, beneficios económicos, sociais e medioambientais.

É necesario que se faga un plan integral de mobilidade, apostando polos desprazamentos en transporte colectivo ou por outros medios non contaminantes, desprazamentos a pé ou en bicicleta, tomando medidas que eviten o incremento de coches nas cidades. Como temos repetido en moitas ocasións, os barrios e as cidades deben estar pensadas para as persoas e non para os coches.

En cuestión de mobilidade sempre hai que pensar no peón, non é concibible que un concello teña como máxima facer una cidade por e pensada para o tráfico rodado, traducido na creación de aparcadoiros no canto de espazos verdes, eliminación de medianas para fomentar o uso do coche no canto dos desprazamentos a pé e o paseo; e todo cun afán recadador (impostos, zona hora, grúa, sancións, etc).

Cremos firmemente na humanización dos barrios e o único xeito de conseguir cidadáns e cidadás educados e respectuosos co medio onde viven é librar espazos de coches e fomentar o paseo, desta maneira tamén axudaremos ao pequeno comercio, que está a padecer unha crise económica brutal.

Un autobús pode substituír entre catorce e trinta coches, pero para que os usuarios se animen a cambiar de medio de transporte e utilicen o autobús tería que ser eficaz, rápido e a un bo prezo.