Vostede está aquí

As persoas con diversidade funcional non existen para o Concello da Coruña.

Estes días veñen de publicarse os Programa Lecer primavera 2016 para o Forum Metropolitano e o centro Ágora, son milleiros de prazas para a realización de diferentes actividades e talleres que se veñen a engadir o todas as que tamén se realizan nos diferentes centros cívicos.Están dirixidos a persoas de tódalas idades, dende a nenez ate a vellez, pero unha vez máis as persoas con diversidade funcional son discriminadas.

É certo que este goberno municipal corrixiu unha grave discriminación que cometeu o Sr Negreira ao excluír aos nenos e nenas con discapacidade dos campamentos municipais, que viñan dispoñendo de prazas con apoio dende había moito tempo.

Dende o noso colectivo veciñal celebramos esa corrección pero o triste é que non se fixo nada máis, non avanzamos nada sobre a situación anterior.

A nosa Asociación  quere denunciar a total discriminación que padecen as persoas con diversidade funcional nas actividades e talleres que se ofertan nos espazos municipais, unha discriminación que vén a sumarse á existente en outros programas como Luditarde ou as Escolas Deportivas Municipais que non dispoñen de ningún programa de deporte adaptado.

Tamén podemos reflexionar sobre cantas persoas con discapacidade están contratadas polas administracións ou polas empresas que prestan servizos públicos, a cantas empresas se lles esixe no prego de condicións a obriga de contratar persoas con discapacidade, como se bareman as contratacións para fomentar os contratos con empresas que conten con persoas con discapacidade como se está a facer noutros concellos.

O noso colectivo veciñal lamenta que o goberno da Coruña non estea a dar pasos pola integración das persoas con diversidade funcional, que non se avance na xustiza social para evitar estas situacións de discriminación, que se esforcen moito máis na propaganda que nas políticas efectivas de cambio e transformación social. 

Deste xeito, a asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros   solicitamos  una reunión coa responsable da área de Xustiza social e coidados.