Vostede está aquí

O noso barrio tamén existe

Arrincando arbores a eito, outros ven como se lles vai mellorar a mobilidade favorecendo os desprazamentos a pé

Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros queremos criticar unha vez máis o trato discriminatorio que estamos a recibir algúns barrios desta cidade, mentres no noso barrio se prioriza a circulación dos coches, arrincando arbores a eito, outros ven como se lles vai mellorar a mobilidade favorecendo os desprazamentos a pé.

O Concello acaba de facer público o anuncio para mellorar a mobilidade peonil en varios puntos da cidade, para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade  dá cidade.

O noso barrio non existe. O noso barrio conta cunha morea de escaleiras e de costas empinadas, e cunha poboación moi envellecida e con problemas de mobilidade, con dificultades para chegar ao centro de saúde, á oficina de correos, ao centro cívico ou mesmo para facer a compra diaria.

A nosa asociación ten solicitado unha reunión co Concello para falar de mobilidade e dos problemas en materia de infraestruturas pois padecemos un atraso nas políticas de accesibilidade dende fai moitos anos.

En varias ocasións temos falado de infraestruturas semellantes ás que menciona o Concello, temos feito alegacións aos orzamentos municipais reclamando este tipo de infraestruturas mais volvemos a ser discriminados.

Os veciños e veciñas deste barrio non merecemos un goberno que só pensa en nós como un punto de entrada de vehículos ao centro da cidade, queremos un barrio para facer vida nel e iso precisa medidas urxentes para mellorar a mobilidade.

O noso barrio tamén existe.