Vostede está aquí

O barrio demanda máis prazas en centros de día.

O noso barrio ten unha poboación moi envellecida e non dispoñemos de centros de día públicos

O barrio demanda máis prazas en centros de día.

Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros levamos moitos anos demandando prazas en centros de día para persoas maiores.

O noso barrio ten unha poboación moi envellecida e non dispoñemos de centros de día públicos, o único que se puxo en funcionamento nestes últimos anos foi o de Eirís pero é totalmente insuficiente, temos que lembrar que a Xunta reduciu á metade o número de prazas que nun primeiro momento estaban proxectadas para ese centro de día.

As persoas maiores precisan un modelo de benestar que procure un envellecemento activo e isto require de instalacións axeitadas, con prazas suficientes e programas de calidade que permitan unha boa calidade de vida. En toda a zona da Gaiteira, Os Castros, A Cubela, San Diego, Catro Camiños, Monelos... non hai un só centro de día público polo que entendemos que é unha necesidade urxente poder contar cunha instalación dese tipo.

Dende o noso colectivo veciñal volvemos facer pública a nosa demanda para que se constrúa un centro de día no noso barrio para poder cubrir a demanda existente, precisamos instalacións para que os nosos maiores, e as súas familias, poidan ter unha boa calidade de vida.