Vostede está aquí

ENCONTRO CON VÍDEO: A DESAPARICIÓN FORZADA I: INVESTIGACIÓN CON FONTES ORAIS

O vindeiro luns 7 de outubro achegarémonos ás testemuñas, ás fontes orais que se utilizan na investigación das desaparicións forzadas para tratar de reconstruir e recuperar as historias dunhas vidas truncadas pola guerra civil e a represión franquista.

 

· No encontro estará a historiadora Carmen Rodeja da ARMH e as familiares de Manuel Pena Camino: Ermitas Pena e Ana Miguélez Pena (filla e neta).

 

Esta actividade forma parte da exposición As Fosas do Esquecemento, o proxecto fotográfico de Eloy Alonso que estará ata o 19 de outubro no Forum Metropolitano.

 

LUNS 7 DE OUTUBRO ás 19:30h

Encontro con vídeo: A desaparición forzada I

Investigación con fontes orais o traballo de preparación da exhumación

Carmen Rodeja, da ARMH e historiadora

Acompañada das familiares de Manuel Pena Camino: Ermitas Pena e Ana Miguélez Pena.

Entrada de balde * ATA COMPLETAR O AFORO.

 

 

As fontes orais son unha das ferramentas para a investigación de persoas desaparecidas. Unha metodoloxía que aporta datos que non están escritos nin documentados para recompoñer o tempo de silencio, deconstruir os mitos e identificar os relatos contaminados. A información obtése coa axuda da veciñanza, as vivencias truncadas da familia e cose as memorias rotas.

 

Neste encontro revisaremos os métodos de traballo coas fontes orais e traeremos as memoria familiar de Manuel Pena Camino , guerrilleiro da IV Agrupación e asasinado no ano 1949 xunto ós seus compañeiros Manuel Peña Tarrasa e  José Manuel Castelo Mosquera, Carmen Temprano Salorio e Manuela Teiga, a través dos recordos de Ermitas Pena e Ana Miguélez Pena (filla e neta).

 

 

Manuel Pena Camino foi detido no ano 1936 e levado ao cárcere. A súa filla Ermitas só tiña dous anos. Pasou as calamidades da prisión ata que saiu no ano 1940. Xurou que non ía volver ao cárcere que antes prefería morrer. A súa dona Pilar, envolveu á súa pequena nun chal e foron cara á Praza de España, para que Manuel collera o autobús da feira e marchar. Marchou ao monte e non volveu.

Incorporouse á guerrilla de Benigno Andrade “Foucellas”, Freijo e Ponte, na IV Agrupación Guerrilleira de Galicia.

 

No 49 Manuel foi morto nunha batida da Garda Civil no Val do Dubra xunto aos seus compañeiros Manuel Peña Tarrasa e  José Manuel Castelo Mosquera, Carmen Temprano Salorio e Manuela Teiga.

A familia enterouse pola prensa. E seguiron sufrindo penalidades.

 

A ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica),a solicitude das familias, procedeu o día 24 de outubre do 2016 á recuperación dos restos enterrados na fosa común do adro da igrexa de Paramos (Val do Dubra).

O 28 de xulio de 2018 foron entregados os seu restos nun acto celebrado o 28 de xulio en Bembibre (Val do Dubra)

 

Sobre Manuel Pena Camino

https://wordpress.com/post/memoriadocarcere.com/3426

 

Sobre Pilar Sánchez ( muller) e Ermitas Pena ( filla)

https://wordpress.com/post/memoriadocarcere.com/4409

 

Exhumación de Paramos

https://memoriahistorica.org.es/exhumacion-paramos/

 

Carmen García-Rodeja Arribí

Profesora de Xeografía e Historia. Ten realizado investigacións empregando a metodoloxía das fontes orais sobre temas de emigración, estudios de xénero, en relación á didáctica e sobre o pasado inmediato. Participou en numerosos congresos internacionais.

 

É miembro de la ARMH (Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica) e colabora na investigación de persoas vítimas da desaparición forzada. Preparou a documentación previa á exhumación de varias foxas en Galicia.

 

……………………………………………………………

 

A EXPOSICIÓN

AS FOSAS DO ESQUECEMENTO

Proxecto fotográfico de Eloy Alonso

 

NO FORUM METROPOLITANO DA CORUÑA

ATA O 19 DE OUTUBRO

 

Esta colección de fotografías de Eloy Alonso foi realizada pola ARMH. Desde as súas orixes, o traballo da Asociación consistiu na procura, investigación e exhumación de persoas desaparecidas como consecuencia da represión franquista. A exposición cedida polo fotógrafo asturiano explica de maneira gráfica unha parte dese traballo: a recuperación dos restos mortais desas persoas, visualizado como un lugar onde se mesturan os sentimentos e as emocións. O reencontro cun ser querido, o recordo dun pasado traumático, a ruptura dun silencio gardado durante demasiados anos, o recoñecemento social como vítima dunha cruel inxustiza,…

 

Tal como se reflicte na propia exposición, as fotografías de Eloy Alonso son un fiel reflexo do drama que aínda viven miles de cidadáns.

 

 

ELOY ALONSO

 

Eloy Alonso destaca como un dos fotoperiodistas máis recoñecidos a nivel nacional e internacional.

 

Fotógrafo da prestixiosa axencia Reuters, con máis de 30 anos de experiencia na fotografía documental e periodística. Acumula varios premios, exposicións e publicacións como o libro La memoria de la tierra.

 

Inolvidábeis son as fotografías dos San Fermines, das movilizacións mineiras, do Naval, dos conflictos sociais, e dos enterrados nas fosas comúns.

 

 

 

Esta proposta de exposición no Concello da Coruña nasce da colaboración de dúas asociacións do ámbito social no que están a traballar dende hai moitos anos: a ARMH e a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros. Ambas entidades teñen o interese común de dar a coñecer á veciñanza, e á cidadanía en xeral, as inxustizas que aconteceron no noso país.

 

ARMH

 

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) xurdiu a partir da exhumación realizada no ano 2000 na localidade leonesa de Priaranza del Bierzo. Unha fosa común na que se encontraban os restos de 13 republicanos civís asasinados polos falangistas no 1936. Numerosas persoas acudiron ao lugar da excavación para pedir axuda na búsqueda dos seus desaparecidos. Foi cando un grupo de persoas decidiu crear a Asociación para prestarlles esa axuda.

 

Desde entón, a Asociación traballa sobre o maior Arquivo de historia de desaparecidos en toda España. Estas son algunhas cifras:

-Peticións formais segundo modelo da ficha do Grupo de Traballo sobre Desaparicións forzadas da ONU: 2500 casos.

-Cartas manuscritas por familiares para ser escoitados: cerca de 300 casos.

-Correos electrónicos de familiares e informantes que relatan o caso da fosa común do seu pobo: máis de 30.000 correos.

-Contacto directo a través das redes sociais.

 

Todo o labor de investigación histórica, búsqueda e exhumación da fosa, identificación dos corpos , empréndese cunha única finalidade: a entrega dos restos mortais ás súas familias.

 

Desde o ano 2000 a ARMH realizou 168 exhumacións e rescatáronse 1428 vítimas da ditadura franquista dándolles identidade, entregando aos familiares os seus restos mortais e promovendo a homenaxe institucional que estas persoas se merecían e que durante anos lles foi negada.

 

Entre outras actividades que realiza a ARMH, destacan:

- Investigacións sobre os deportados

- Estudos ao redor dos represaliados

- Actos de homenaxe e dignficación das persoas que sufriron persecución por razón das súas ideas.

- Numerosas denuncias para a Querella arxentina

- Diferentes soportes de difusión e investigacións (webs, publicacións, informes, etc.) No eido local , o blogue memoriadocarcere.com sobre o penal coruñés.

 

 

 

Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros

 

A Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros leva dende os años 70 loitando polo barrio, implicándose cos problemas do/as veciños/as, denunciando a inxusticia e botando unha man na búsqueda de solucións, escoitando, falando e actuando.

 

É unha asociación veciñal que traballa para mellorar a calidade de vida do barrio , a través do traballo colectivo , tratando de manter unha posición aberta para o debate crítico e constructivo para comprender e mellorar a realidade do noso barrio.

 

É un grupo aberto a toda xente no barrio, que fomenta a participación e o debate. Unha asociación que toma as suas propias decisións de maneira democrática e transparente. Un grupo que busca colaborar co tecido das asociacións veciñais para unir forzas, axudando a implementar accións para mellorar do barrio.

 

A Asociación defende o traballo social para mudar as cousas, a xustiza social, a protección do medioambente, o desenvolvemento económico sostible , a colaboración como unha forma de facer as cousas , a protección e posta en valor do patrimonio e a potenciación da cultura e do idioma propio do pais.