Vostede está aquí

Discriminación do barrio en materia de accesibilidade

Discriminación do barrio en materia de accesibilidade

Dende a asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros levamos anos denunciando graves carencias en materia de accesibilidade que padecemos no barrio, un barrio cun alto porcentaxe de poboación de idade avanzada e con problemas de mobilidade.

Comentamos en moitas ocasións as dificultades para chegar ao centro de saúde do Castrillón por mor das fortes pendentes dalgunhas rúas, por beirarrúas en mal estado, mal deseñadas ou que simplemente non existen. Levamos tempo esixindo investimentos que melloren a accesibilidade en moitos puntos do barrio, hai edificios nos que para acceder ao portal hai que salvar varios chanzos de escaleiras.

Dun tempo a esta parte vemos como se están realizando investimentos para mellorar a accesibilidade nalgúns puntos da cidade, instalando elementos como escaleiras mecánicas ou varandas, podemos comprobar tamén como os investimentos non chegan a todos os barrios, semella que o noso barrio non ten os mesmos dereitos que o centro. Tamén se podía botar contas para ver canto se podían mellorar os barrios cos millóns de euros que se van soterrar no túnel da Mariña.

Nalgúns puntos do barrio os problemas persisten dende hai moito tempo. Na rúa Montiño é imposible que poidan cruzarse dous coches polo estreita que é, levamos anos pedindo unha solución e todo segue igual, todos os días se dan situacións de risco pola falta de espazo para dous sentidos de circulación e todos os días hai persoas que teñen que invadir o carril de circulación dos vehículos por carecer de beirarrúa.

Tamén podemos falar da rúa Montes, unha corredoira na que tampouco se poden cruzar dous coches e onde non existe beirarrúa nin elemento de protección algún para os peóns, pasar por esa rúa é un auténtico perigo, hai un forte desnivel a un lado e non hai nada que nos protexa dunha caída que pode ser moi perigosa.

Podemos falar da rúa Carballo e de moitas outras do barrio, podemos poñer moitos outros exemplos do que dende o noso punto de vista é unha clara discriminación con respecto a outras zonas da cidade. O goberno do PP esqueceu as promesas electorais que fixo para o noso barrio e o que é peor: esqueceu que as veciñas e veciños do barrio temos os mesmos dereitos e as mesmas necesidades que os do centro.