Vostede está aquí

Condolencias pola morte de Serafin Mourelle Bugallo

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros expresa o seu máis sentido pésame polo falecemento de Serafin Mourelle Bugallo

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros expresa o seu máis sentido pésame polo falecemento de Serafin Mourelle Bugallo, socio da Asociación. A Asociación envía as súas condolencias e unha cariñosa aperta para os seus familiares e amigos D.E.P. Fermoso texto de Xurxo Souto

O mar non é poesía, é traballo e esforzo, tal me dixo cando o coñecín. E continuou: Eu nacín en Corme, crieime na Coruña, casei en Noia, vivín no Gran Sol. De onde son ? Son do Mar máis que de sitio ningún. Hoxe finou, aos 87 anos, Serafín Mourelle Bugallo. Dicía que o mar non era poesía, mais el era un gran poeta. O patrón de Porcupine. Pioneiro neses caladoiros ao oeste do Gran Sol que literalmente descubriu. A súa sona estendíase dende Muro até Irlanda. Coñeceu a Mourelle? pregunteille a Cornelio O' Sullivan, provedor de barcos, nos peiraos de Castletón: Coñecín. Bon patrón. Falaba moito de política. Si, porque Serafín --triunfador do mar-- nunca esqueceu as súas orixes.

Fillo dun soldado republicano, ingresou ben novo no partido comunista. Solidario cos que non teñen, creou co crego Blanco Manciñeira un economato para as familias do Muro. Gastei aparellos a eito, ao final atopei os carreiros do mar. Para min cruzar Porcupine foi como aqueles pioneiros que cruzaron as montañas Rocosas.. .Mestre marabilloso, as súas crónicas eran iniciación para terrícolas nesoutra Galiza que se estende alén do paralelo 48.

Dicía que o mar non era poesía, afortunadamente co impulso de Xosé Iglesias --outro patrón e poeta-- e de In Nave Civitas hai dous anos os seus versos foron recollidos nun libro Carapelas de Sal e Iodo. Palabras que naceran moito antes na auga de Irlanda. Algunha noite deixaba ao segundo no temón. Baixaba a popa e mandaba apagar as luces. Quería ver as estrelas. Visión extraordinaria que ningún terrícola ha poder contemplar. Aló lonxe de todo, cunha cervexiña na man, enfrontábase ás grandes preguntas. Finou onte na Coruña. Mais --xa o sabemos-- Mourelle era do mar máis que sitio ningún.

Marchou Serafín agora quédanos seguir honrando a súa memoria. Moitas grazas mestre, como ti nos dixeches "sempre a barvolento!".