Vostede está aquí

Avanzar na participación veciñal.

Avanzar na participación veciñal.

A asociación veciñal  Oza Gaiteira Os Castros sempre defendemos a necesidade da participación veciñal para mellorar a calidade de vida no barrio, para construír unha sociedade máis xusta e democrática, con máis igualdade e solidariedade. Apostar pola participación é unha necesidade e temos que ir avanzando nese vieiro, chanzo a chanzo pero con firmeza.

Deste xeito queremos recoñecer que a xuntanza que mantivo o equipo de goberno coa veciñanza o pasado sábado no CC de San Diego foi un paso positivo no que ter a ver coa participación e a implicación da veciñanza na vida do barrio e do Concello.

É certo que temos moito camiño por percorrer, que aínda non temos un regulamento de participación nin sabemos se hai intención de construílo entre todos e todas, tampouco hai avances no que atinxe a uns orzamentos participativos e dos que nada sabemos no noso colectivo veciñal, mais é xusto recoñecer que este tipo de reunións supoñen un avance importante, igual que a posibilidade de intervir nos plenos do Concello.

A asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros apoiará todas as iniciativas que teñen a ver con medidas para mellorar e fomentar a participación veciñal, sempre que se aposte por unha participación real e efectiva dos veciños e veciñas.