Vostede está aquí

Aire Limpo no Barrio

Na calidade do aire, ou mellor dito na súa degradación ou contaminación, inflúen múltiples causas, a maior parte delas derivadas da actividade humana e da emisión de contaminantes á atmosfera. Tendo en conta os seus importantes efectos na saúde e o medio ambiente, un aire limpo debe ser un obxectivo prioritario da política ambiental e das estratexias de desenvolvemento sostible, xa que é un factor determinante da calidade de vida das persoas.

O aire é un ben común indispensable para a vida e debe estar suxeito a normas que garantan a súa calidade. Os cidadáns temos dereito a respirar aire limpo e sen riscos para a saúde. A contaminación atmosférica supón un incremento nos índices de mortalidade, contribuíndo á aparición de ataques de asma, bronquite, ataques de corazón e outras enfermidades pulmonares e cardiovasculares crónicas, ademais de prexudicar ao desenvolvemento da capacidade pulmonar dos nenos.

Segundo o informe da Concellaría de Medio Ambiente, o barrio dos Castros superou varias  veces o ano pasado o límite de partículas permitido no aire, a propia estación de medición da calidade do aire da Autoridade Portuaria ten rexistrado niveis superiores aos que recomenda a OMS, así llo temos manifestado en moitas ocasións, tanto a uns coma a outros.

No caso da nosa cidade os dous factores que máis inciden na degradación do aire son o tráfico rodado e a actividade industrial na que as descargas de carbón e outros graneles teñen moita influencia. É unha obriga das administracións tomar medidas contra a contaminación atmosférica, así o temos demandado unha e outra vez.

Dende esta asociación esiximos que se leven adiante políticas que permitan reducir esta contaminación, poñendo en marcha un plan de mobilidade que reduza o número de coches na cidade e controlando as emisións contaminantes da industria e o porto da Coruña, sancionando cando corresponda, tal e como demandamos cada vez que as descargas de carbón invaden o noso barrio.